O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, José Luis Méndez Romeu, rendeu hoxe homenaxe aos emigrantes galegos que traballaron sempre co anceio e o soño de vivir nun país máis moderno e máis culto. Na inauguración do edificio da Senra, antiga sociedade de instrución hoxe rehabilitada como centro sociocultural e deportivo, Méndez felicitou aos veciños e ao Concello de Bergondo por poñer en valor a obra dos que durante décadas loitaron por Galicia desde o exterior. A rehabilitació da Senra constitúe, dixo, unha mostra magnífica de agradecemento a tantos e tantos miles de emigrantes que co seu esforzo levantaron o país e axudaron ás súas familias.
Na súa intervención, o conselleiro de Presidencia lembrou que foron preto de dous millóns os galegos que abandonaron a terra con destino a América entre a segunda metade do século XIX e a primeira do XX, movidos por un sistema caciquil e atrasado que tiña o país sumido na absoluta miseria. Relatou que alí moitos dos emigrantes entenderon as súas carencias formativas e a necesidade de investir en educación para reverter a realidade de Galicia, pois sempre mantiveron o anceio e o soño de vivir nun país máis moderno e máis culto. Así, naceron primeiro os centros galegos para darlle asistencia aos novos galegos que chegaban, explicou, para engadir que pouco a pouco se fixo evidente a necesidade de apostar pola educación dos que chegaba, pero tamén dos que quedaban en Galicia.
Méndez Romeu referiu que foi deste modo como, cara o 1900, empezaron a xurdir as sociedades de instrución, case que 300 en toda Galicia, e unha terceira parte delas nas Mariñas, na parte norte da provincia da Coruña, dixo, e citou os centros de Ares, Mugardos, Redes, Camouco e Cederia. Afirmou que en cada lugar os veciños que estaban alén o mar se agrupaban para separar unha parte dese salario gañado con suor a reo para mandalo aquí, ás súas familias, e unha parte para facer o que nunca se tivera feito: os centros de instrución.
Así mesmo, o conselleiro destacou a preocupación dos emigrantes, reflectida nas actas fundacionais, porque se construísen edificios modernos, edificios de calidade, e nos que se impartise unha ensinanza práctica e moderna, baseada nos novos valores que eles estaban a coñecer nas sociedades avanzadas, republicanas e laicas, en Arxentina, Cuba, Uruguai, Estados Unidos…
Resaltou que o soño deses emigrantes foi real durante 30 anos, ata que os odios acumulados durante tanto tempo en España estalaron, tendo como consecuencia que as sociedades de instrución fosen incautadas e empregadas para fins diferentes durante case que 40 anos. Terá que pasar moito tempo para que en España se tome conciencia de que non hai desenvolvemento posible, económico nin social, se non hai investimento educativo, referiu.
José Luis Méndez Romeu insistiu en que a recuperación do edificio da Senra é unha verdadeira homenaxe aos emigrantes que traballaron para crear as condicións que permitiran que no seu país rematase esa tremenda sangría de homes que marchaban en idade de traballar. Desde ese punto de vista, considerou esta obra un exemplo de que un país necesita non só de institucións, senón tamén do esforzo da sociedade civil.