O secretario xeral de Emigración, Manuel Luís Rodríguez, reclamou hoxe ás forzas políticas galegas a necesaria capacidade de reflexión para que o proceso de reforma do voto emigrante que se pretende impulsar dende Galicia vaia asuma que as correccións lexislativas vaian acompañadas dos mecanismos e as ferramentas imprescindibles que permitan, de facto, exercer o voto no exterior con total garantía.
A revisión definitiva do Censo de Residentes no Exterior (CERA), o estudo sobre a implantación e distribución de meses electorais ou a disposición de medios orzamentarios e humanos para que os consulados no exterior asuman o proceso electoral, son procesos cuxa resolución debe correr paralela á acción lexislativa, xa que xe xunto a esta garantirá que as condicións do exercicio do voto sexan absolutamente transparentes e fiables na práctica.
Manuel Luís Rodríguez fixo estas declaracións en Ermua no marco dos actos de conmemoración do Día de Galicia en Euskadi, que tamén contaron coa presenza do lehendakari do Goberno Vasco, Juan José Ibarretxe. Ante varios centos de persoas de orixe galega, e fronte aos representantes das entidades galegas no País Vasco que conforman o tecido asociativo nesa comunidade, o secretario xeral fixo referencia á naturalidade coa que os galegos e galegas emigrados a Euskadi se integraron na sociedade vasca, e como a interculturalidade, a mestura, o feito de compartir, fixo mellores a tódolos cidadáns.
O responsable de Emigración referiuse, nestes momentos nos que España volve estar baixo a ameaza explícita do terrorismo, a que é fundamental que exista unidade por parte das forzas políticas e de toda a sociedade para garantir a loita contra ETA. Asemade, sinalou que é máis necesaria que nunca a unión, a convivencia pacífica e a confianza entre a cidadanía.
Galicia e Euskadi, lembrou ante a comunidade galega Manuel Luís Rodríguez, son dous pobos que comparten semellanzas moi significativas, que marcaron a súa evolución ao longo da historia. Primeiro a lingua, sinal de identidade que confire ao sentimento do propio, unha pegada única, un elemento diferenciador. A cultura e a tradición xerada no devir dos séculos constitúe unha segunda característica compartida polos dous pobos, que deben seguir contribuíndo a facer do galego e do vasco factores fortalecedores, en tanto que linguas que unen á cidadanía, e elementos de progreso e futuro.
Lealdade con Galicia
Xa en referencia aos galegos e galegas propiamente, o responsable do departamento de Emigración do Goberno galego subliñou a débeda contraída no país con eles por transmitir xeración tras xeración a lealdade e o respecto polo seu lugar de orixe, feito que contribuíu notablemente a asentar a lingua e a idiosincrasia galega en Euskadi. Asemade, felicitounos por ser capaces de mesturar nas proporcións exactas as raíces galegas, que tan ben tedes asentadas, coas máis sobresaíntes características que fixeron do pobo vasco un pobo resistente, loitador, vigoroso, pioneiro e próspero. Xa por último, Manuel Luís Rodríguez recordou que o desenvolvemento de Galicia é un proxecto colectivo no que toda a cidadanía posúe responsabilidade, xa os que están no país, xa os que o representan no exterior, caso de Euskadi.